baiona.org

Visor de contenido web

 

 

A avaliación é un proceso que procura determinar, do xeito máis sistemático e obxectivo posible, a pertinencia, eficacia, eficiencia e impacto das actividades á luz dos obxectivos específicos. Constitúe unha ferramenta administrativa de aprendizaxe e un proceso organizativo orientado á acción para mellorar tanto as actividades en marcha, como a planificación e toma de decisións futuras.

A avaliación ten a finalidade de retroalimentar a xestión do plan, e subministrar información que nos permita tomar decisións con respecto a:

  • A consistencia da planificación do plan
  • A viabilidade e sustentabilidade dos obxectivos e actuacións
  • Os procesos que se xeran na súa execución
  • O cumprimento das actuacións e os resultados do plan atendendo ao cronograma e ao investimento previsto.
  • A perspectiva das persoas participantes e/ou beneficiarias e da Concellería de Igualdade de Xénero como institución que executa o plan acerca dos procesos e os resultados deste.
  • A eficacia, eficiencia e calidade dos resultados, así como o impacto que xera.
  • Posibilidade de modificar o planificado.

 

A avaliación do II Plan de igualdade de oportunidades está orientada a obter información continua e inmediata durante todo o proceso de desenvolvemento deste coa finalidade de que nos permita coñecer se o que se realiza está en consonancia co obxectivo que pretendemos acadar e ir corrixindo as posibles desviacións, así como, desenvolver novas estratexias se fose necesario. Para iso, deberanos permitir en todo momento coñecer o grao de cumprimento das actuacións e o seu impacto de xénero.

Como xeito de facilitar a avaliación dun xeito sistemático e planificado, levarase a cabo por un lado, unha avaliación cuantitativa que mida todas e cada unha das actuacións, tendo en conta os indicadores establecidos que nos proporcionarán información sobre o número e tipo de accións, o número e perfil desagregado por sexo das persoas que participaron nas accións realizadas, por outro, unha avaliación cualitativa realizada mediante entrevistas e cuestionarios ao persoal político e técnico do concello, ás persoas destinatarias e beneficiarias dos programas e actuacións, ás e aos axentes sociais que participaron na elaboración e posta en marcha do plan, así como á poboación en xeral.

Durante os catro anos de vixencia do plan, levarase a cabo un seguimento anual deste coa finalidade de:

  • Proporcionarlles información permanente ás responsables técnicas e políticas que executan o plan acerca do grao de execución das actividades deste, o xeito de utilización dos recursos dispoñibles e o nivel de consecución dos resultados esperados.
  • Detectar e solucionar os eventuais obstáculos que poidan xurdir na súa execución
  • Introducir as modificacións que se consideren oportunas que permitan a consecución dos resultados esperados.

 

Para realizar este seguimento tomaranse como referencia os indicadores establecidos para cada unha das actuacións. A recollida da información que dea conta destes indicadores realizarase a partir dun soporte documental, consistente nunha ficha que deberán cubrir as persoas responsables da implantación do plan durante a vixencia deste.

Unha vez rematada a vixencia do II plan realizarase unha avaliación final externa da que se elaborará un informe final que nos proporcionará información sobre as actuacións realizadas e os resultados acadados, e que ao mesmo tempo contemple unha serie de conclusións, onde se sinalarán os principais logros acadados, as dificultades ou obstáculos atopados así como as estratexias despregadas para a súa superación. Ao mesmo tempo, o dito informe recollerá unha serie de recomendacións e melloras que poderán ser de utilidade e guía para o seguinte plan.