baiona.org

Web Content Display

O presente plan é un documento de traballo que recolle unha serie de actuacións que en materia de igualdade de oportunidades se leven a cabo no Concello de Baiona no período de vixencia deste, 2008-2010. Nace coa pretensión de ser un documento aberto e flexible que permita integrar novas actuacións que sexan coherentes cos obxectivos formulados e que permitan, en función dos cambios que se poidan producir na realidade do noso concello, adaptarse ás novas esixencias e posibilidades de intervención.

A filosofía que inspira o II Plan de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes baséase nas seguintes estratexias:

  • O xénero , entendido como a construción cultural do considerado propio de cada sexo. É unha dicotomía xerarquizada, unha relación social de poder na que o masculino está mellor valorado que o feminino e funciona como división básica da sociedade que ten unha serie de consecuencias negativas tanto para os homes como para as mulleres. Isto supón que a igualdade de xénero deixou de ser considerada como un principio que beneficia exclusivamente as mulleres a ser un principio que beneficiará a sociedade no seu conxunto, xa que contribúe a resolver os desequilibrios estruturais existentes. Analizar a realidade desde este punto de vista, permítenos obter información sobre as relacións entre mulleres e homes no noso municipio.
  • Mainstreaming de xénero , que implica a (re)organización, mellora, desenvolvemento e avaliación dos procesos políticos para incorporar por parte dos actores involucrados nos ditos procesos, unha perspectiva de igualdade de xénero en todos os niveis e fases de todas as políticas . Se entendemos que a desigualdade se manifesta e se reproduce en todas as esferas é preciso incidir en todas elas, analizando os diferentes mecanismos perpetuadores da discriminación para deste xeito deseñar e executar actuacións que faciliten a transformación desde todas as áreas municipais. Trátase pois de impregnar, de tinguir o conxunto de políticas e programas coa mirada, perspectiva ou enfoque de xénero.
  • O empoderamento , como estratexia que propicia que as mulleres incrementen o seu poder mediante o acceso ao uso e control dos recursos materiais e simbólicos, gañen influencia e participen no cambio social. Isto supón un proceso mediante o cal as mulleres teñen que tomar conciencia dos seus propios dereitos, capacidades e intereses e de como estes se relacionan cos intereses dos demais, coa finalidade de participar desde unha posición máis sólida na toma de decisións para estar en condicións de influír nelas.

Para a elaboración do II Plan de igualdade de oportunidades levouse a cabo un proceso participativo no que se tentou involucrar o maior número de axentes sociais, para iso, realizáronse reunións periódicas co movemento asociativo, a comunidade educativa, o persoal técnico e político, o persoal sanitario e a cidadanía en xeral. Mediante este proceso participativo os e as distintas axentes sociais puideron realizar propostas que consideraban fundamentais para implantar a igualdade de oportunidades no municipio.Para a elaboración do II Plan de igualdade de oportunidades levouse a cabo un proceso participativo no que se tentou involucrar o maior número de axentes sociais, para iso, realizáronse reunións periódicas co movemento asociativo, a comunidade educativa, o persoal técnico e político, o persoal sanitario e a cidadanía en xeral. Mediante este proceso participativo os e as distintas axentes sociais puideron realizar propostas que consideraban fundamentais para implantar a igualdade de oportunidades no municipio.

Ademais do proceso antes mencionado tivéronse en conta os resultados do informe de avaliación do I plan, os ditos resultados servíronos para observar os ámbitos de maior e menor dificultade no grao de cumprimento das actuacións e promover novas formas de intervención coa finalidade de mellorar. Este informe perfilou o camiño para seguir no modelo de intervención para o II plan. Algunhas das recomendacións do informe de avaliación foi a necesidade de intervir prioritariamente nas áreas de Administración pública e educación, xa que presentaban un menor grao de consecución en comparación coas outras áreas. Neste sentido, no eixe de actuación de difusión, sensibilización e formación en igualdade de oportunidades deseñáronse unha serie de actuacións dirixidas a sensibilizar e formar o persoal técnico e político en materia de igualdade de oportunidades de xeito que a Administración municipal sexa un exemplo e unha referencia na aplicación do principio de igualdade de oportunidades.

Seguindo tamén as recomendacións do informe de avaliación fixemos especial fincapé en deseñar actuacións de sensibilización e formación dirixidas á comunidade educativa sobre a importancia de educar en igualdade a nenas e nenos e erradicar os estereotipos de xénero tan vixentes aínda hoxe en día na nosa sociedade.

Tendo en conta todo o exposto anteriormente, os eixes de actuación propostos pretenden darlles resposta ás necesidades detectadas e ás demandas expresadas, e ao mesmo tempo darlles continuidade a actuacións xa emprendidas, algunhas delas de carácter periódico e outras porque o obxectivo marcado para as ditas actuacións aínda está por acadar. O presente documento é, polo tanto, o resultado de todo este proceso.

Por último, sinalar que os obxectivos e actuacións contempladas no plan se enmarcan nas normativas e recomendacións existentes en materia de igualdade de oportunidades ditadas tanto por organismos internacionais, europeos, estatais, autonómicos e locais. A continuación expoñemos algunhas delas:

No ámbito internacional:

  • Declaración universal dos dereitos humanos. 1948
  • Declaración sobre a discriminación contra as mulleres. 1967
  • Convención sobre a Eliminación de todas as Formas de Discriminación contra a Muller (CEDAW) 1979.
  • Declaración sobre a eliminación da violencia contra as mulleres.
  • IV Conferencia Mundial das Mulleres de Beijing 1995.
  • Declaración do milenio.

No ámbito europeo:

  • Tratado de Amsterdam 1997.
  • Programas de acción comunitaria para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.
  • Recomendacións do Comité de Ministros sobre a protección das mulleres contra a violencia.
  • Directiva 2002/73/CE do Parlamento Europeo e do Consello, relativa á igualdade de trato entre mulleres e homes sobre o acceso ao emprego, á formación, a promoción profesional e as condicións de traballo.
  • Resolución 2003/C 260/03 do Consello, sobre iniciativas para loitar contra a trata de seres humanos, en particular mulleres.
  • Carta europea para a igualdade de mulleres e homes na vida local.
  • Directiva 2006-54 CE sobre a igualdade de oportunidades e de trato entre mulleres e homes.
  • Plan de traballo para a igualdade entre mulleres e homes (2006-2010).
  • Informe da Comisión ao Consello, ao Parlamento Europeo, ao Comité Económico e Social Europeo e ao Comité das Rexións sobre a igualdade entre mulleres e homes 2007.
  • Programa comunitario de fomento do emprego e da solidariedade social (PROGRESS) 2007-2010.

No ámbito estatal:

  • Plan estratéxico de igualdade de oportunidades (2008-2011).
  • Lei 27/2003 do 31 de xullo, reguladora da orde de protección das vítimas de violencia de xénero.
  • Lei 30/2003, do 13 de outubro, sobre medidas para incorporar a valoración do impacto de xénero nas disposicións normativas que elabore o Goberno.
  • Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro de medidas de protección integral contra a violencia de xénero.
  • Plan nacional de sensibilización e prevención da violencia de xénero (2007-2009).
  • Lei orgánica 3/2007 do 22 de marzo para a igualdade efectiva entre mulleres e homes.

No ámbito autonómico:

  • Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes.
  • Lei 11/2007 do 27 de xullo, galega para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero.
  • Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia.
  • Plan de fomento da corresponsabilidade 2007.
  • V Plan do Goberno galego para a igualdade entre mulleres e homes (2007-2010).

No ámbito local:

  • Lei reguladora de bases do réxime local (1985).
  • Lei 5/1997, do 22 de xullo, da Administración local de Galicia.
  • I Plan de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes do Concello de Baiona (2005-2006).
  • Informe de avaliación: I Plan de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes do Concello de Baiona.