baiona.org

Web Content Display

A pesar dos avances experimentados nas últimas décadas relacionados co recoñecemento social da igualdade de dereitos e oportunidades entre mulleres e homes, un dos obstáculos que con maior forza se opón ao pleno desenvolvemento das persoas é a existencia de desigualdades de xénero en todos os espazos e tempos que compartimos no ámbito privado, no doméstico e no público.

Esta desigualdade non só se manifesta en termos de condicións obxectivas como o desemprego, condicións laborais, falta de poder económico, invisibilidade pública, desigual participación nas tarefas do fogar, etc. Tamén en termos de sistemas e relacións de poder, hábitos e comportamentos, administración e distribución de tempos, de oportunidades, construcións das identidades baseadas na supremacía dun sexo –o masculino– e a subordinación doutro, –o feminino–. Para erradicar esta desigualdade, requírese dun cambio de mentalidade, modificar actitudes, comportamentos e estruturas sociais. Co fin de contribuír a facer efectiva esa igualdade é polo que se formula o presente Plan de igualdade de oportunidades.

Os plans de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes nacen co obxectivo de resolver os obstáculos que impiden ou dificultan a participación das mulleres na vida política, económica, cultural e social, e convértense nun instrumento enfocado a establecer as bases para transformar as estruturas e resolver os atrancos que manteñen situacións de discriminación. Ao mesmo tempo son un compromiso institucional de previsión e coordinación dun conxunto de accións que teñen como obxectivo promover as condicións para a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes. O papel da Administración local en materia de igualdade de oportunidades é fundamental por ser a máis próxima á poboación, e permite observar e identificar as carencias e necesidades existentes nas distintas áreas e intervir sobre elas.

O Concello de Baiona, unha vez máis, volve a adquirir o compromiso coas políticas de igualdade a través dun documento consensuado con todas e todos as/os axentes sociais do municipio, que concreta para un tempo determinado as políticas locais de igualdade, iniciando un novo proceso de traballo, así como proporcionando os recursos económicos e humanos necesarios para levalo a cabo.

O II plan introduce unha novidade con respecto ao anterior, o mainstreaming de xénero como estratexia de intervención, nesta formulación establécense medidas destinadas a promover a igualdade de oportunidades cun enfoque transversal que atinxe a todos os ámbitos coa finalidade de introducir a perspectiva de xénero en todas as políticas municipais.

Temos, polo tanto, un novo reto por diante que é o de provocar cambios na nosa realidade que contribúan a mellorar a situación de mulleres e homes do municipio, deste xeito, este plan na súa elaboración e no seu proceso de execución convértese nun instrumento transversal que implica a todas as áreas do concello, e ten a Concellería de Igualdade de Xénero como referente de desenvolvemento deste.

Jesús Vázquez Almuiña
Alcalde de Baiona