baiona.org

Web Content Display

A elaboración do II Plan de igualdade de oportunidades levouse a cabo mediante unha metodoloxía participativa que foi realizada nas seguintes fases:

Na primeira fase realízase unha reunión co persoal técnico e político da Concellería de Igualdade de Xénero coa finalidade de definir e establecer os pasos que se deben seguir para a elaboración do plan. A pretensión é a consecución dun plan de igualdade desde a implicación e reflexión da cidadanía e do persoal técnico e político do municipio, onde a participación resulta imprescindible nun proceso no que o coñecemento do territorio e a integración das súas achegas permiten a construción conxunta dun documento elaborado desde e para a realidade do municipio que recollerá as necesidades e inquietudes de todas e todos.

Na segunda fase realízase a recollida, estudo e investigación da documentación existente en materia de igualdade de oportunidades. Como punto de partida para realizar a investigación e estudo da documentación, tomouse como referencia o informe de avaliación do I Plan de igualdade de oportunidades de Baiona. Ao mesmo tempo, realízase a recollida e análise da documentación sobre a normativa existente tanto no ámbito internacional, europeo, estatal, autonómico e local en materia de igualdade de oportunidades, así como outros plans de igualdade. Consultáronse e analizáronse tamén datos de tipo cualitativo e cuantitativo de estudos sobre a situación de mulleres e homes en Galicia e un diagnóstico sobre a situación de mulleres e homes en Baiona.

A terceira fase consistiu na difusión á cidadanía do proceso de elaboración do II Plan de igualdade de oportunidades. Con este obxectivo, e promovido pola Concellería de Igualdade de Xénero, os medios de comunicación fixéronse eco deste novo reto facendo un chamamento á poboación para a súa implicación e participación na súa elaboración.

Na cuarta fase púxose en marcha un proceso participativo mediante reunións de traballo con representantes do movemento asociativo de mulleres, das asociacións de nais e pais, do profesorado dos centros escolares e co representante do centro de saúde.

Nunha primeira sesión reuníronse as representantes das asociacións de mulleres e as ANPAS co equipo de elaboración do plan. Nesta sesión impartiuse unha breve formación básica en materia de xénero e igualdade, como estratexia facilitadora da súa participación. A continuación as participantes formularon as necesidades e inquietudes que consideraban fundamentais incluír no novo plan de igualdade.

Despois dun traballo de recollida e sistematización da información obtida nesta sesión, son convocadas a unha segunda na que se comeza pola exposición das achegas enunciadas en actuacións, seguido do seu debate e incorporación de novas medidas. Para finalizar este proceso, realízase unha terceira sesión de traballo na que se lles entrega un documento coa formulación de todas as achegas feitas.

Paralelamente, realizáronse tamén sesións de traballo con representantes do profesorado dos centros escolares da localidade para recoller as súas achegas ao plan. Coa finalidade de facer o proceso máis participativo e co fin de incluír o maior número de achegas posibles, administróuselle un cuestionario ao profesorado solicitando a súa opinión sobre as necesidades e problemas detectados no ámbito educativo con respecto á igualdade de oportunidades e cales poderían abordarse desde o plan para corrixilas. Todas as achegas realizadas foron recollidas, sistematizadas e incluídas no plan.

Ao mesmo tempo mantívose unha reunión co representante do centro de saúde da localidade para darlle a coñecer as actuacións deseñadas, a posibilidade de facer novas achegas, así como, solicitarlle o seu apoio e colaboración na súa implantación.

Posteriormente, o documento resultante con todas as achegas feitas polos distintos grupos de traballo, é distribuído entre o persoal político para que realicen as achegas que consideren oportunas.

A quinta fase é a elaboración do plan, unha vez rematado todo o proceso de recollida de achegas e organizada toda a información, deséñase a súa estrutura arredor de catro eixes de actuación, elabórase o sistema de indicadores e os organismos responsables e colaboradores. A continuación, preséntaselle o borrador do plan á responsable política e técnica da Concellería de Igualdade de Xénero para recoller as súas suxestións finais.

Por último a sexta fase foi a redacción definitiva do II Plan de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes de Baiona (2008-2010).