baiona.org



NOTICIAS

« Atrás

O Concello de Baiona organiza unha viaxe a Ribadesella polo "Día de Vilas Mariñeiras"

O Concello de Baiona organiza unha viaxe a Ribadesella para asistir o sábado 5 de maio ao “Día de Vilas Mariñeiras” e participar nos festexos que se celebrarán na localidade asturiana.

A Asociación Vilas Mariñeiras á que Baiona pertence desde a súa fundación, celebra o sábado 5 de maio, a cuarta edición do “Día de Vilas Mariñeiras”. Nesta ocasión, a vila anfitrioa será Ribadesella, en Asturias, e o evento, que se celebrou por primeira vez no ano 2014 en Baiona, xorde para dar a coñecer os municipios que forman o colectivo e poñer en valor os seus recursos turísticos, culturais e gastronómicos, ademais de afianzar a imaxe a nivel interno nos propios municipios.

A Concellería de Turismo de Baiona, que coordina Beatriz González, está a traballar na organización da viaxe, para que os veciños de Baiona que teñan interese en participar neste evento, poidan desprazarse á localidade asturiana.

A viaxe será de dous días, facendo noite en  Ribadesella o venres, 4 de maio. A saída de Baiona será o venres e a volta a Baiona, na tarde/noite do sábado 5 de maio.

O custo total da viaxe por persoa será de 76 euros en cuarto dobre. O prezo inclúe o aloxamento nun céntrico hotel de 2 estrelas, en réxime de aloxamento e almorzo  buffet, e todas as comidas e ceas que implica o desprazamento. A viaxe, subvencionado polo  Concello de Baiona, realizarase en autobús.

O Concello de  Ribadesella está a elaborar un amplo programa de actividades, no que incluirán diversas actuacións folclóricas e tradicionais, varias mostras gastronómicas e de artesanía, ademais de visitas guiadas polo municipio.

Toda persoa interesada en viaxar a  Ribadesella, deberá contactar e inscribirse na Oficina de Turismo de Baiona, no teléfono: 986 68 70 67. Prazas limitadas por rigorosa orde de inscrición. O prazo de inscrición ábrese a partir deste sábado, 14 de abril.

Vilas Mariñeiras

Márcaa “Vilas Mariñeiras” naceu da unión de cinco municipios que na década dos noventa foron obxecto de Plans de Excelencia Turística. Así, Baiona,  Laredo, San Vicente de la Barquera,  Llanes e  Ribadesella fundaron o Club de Excelencia Turística da España Verde.

 

Na actualidade, Vilas Mariñeiras é unha asociación de seis municipios turísticos situados no marco xeográfico da costa atlántico-cantábrica, que se estenden ao longo de tres comunidades autónomas: Galicia, Asturias e Cantabria. En Galicia: Baiona, en Asturias:  Ribadesella e  Llanes. En Cantabria: San Vicente de la Barquera,  Santoña e  Laredo.

Todas estas vilas son portos de mar cheos de tradición e de patrimonio cultural, artístico e natural, que apostan polo traballo en equipo. Todas elas comparten clima, gastronomía, paisaxe e un produto turístico de calidade asociado ao mar. Pero, ademais, cada unha delas conta cunha personalidade forte que a diferenza das súas compañeiras, o que dá como resultado unha oferta variada e coherente que se distingue do resto pola súa orixinalidade, diversidade e calidade.  www.villasmarineras.es

GABINETE DE PRENSA CONCELLO DE BAIONA    

 

REALIZADO POR: MARTA GONZÁLEZ PÉREZ gabinetedeprensa@baiona.org 

 

Portal de transparencia


Cidadania

Igualdade de xénero

Si eres empresa

Perfil do contratante

Te puede interesar