baiona.org



 

NOTICIAS

« Atrás

O Concello de Baiona inaugura " Unha mirada de antano" a exposición de fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia

O día 14 de xuño ás 20:00h a Capitanía Marítima de Baiona acolle a inauguración e unha visita guiada pola mostra fotográfica « Unha mirada de  antano: Fotografías de  Ruth  Matilda Anderson en Galicia».

Os fondos que articulan esta mostra proceden da prestixiosa institución neoiorquina  The  Hispanic  Society  of  America, que atesoura a colección de arte hispana máis importante fose do territorio español. As imaxes seleccionadas pertencen ao relato documental que  Ruth  Matilda Anderson elaborou durante a súa viaxe de investigación en Galicia entre os anos 1924 e 1926 a instancias do fundador de  The  Hispanic  Society  of  America, o  filántropo e  hispanista  Archer  Milton  Huntington. A mostra, de entrada libre e gratuíta, poderá visitarse do 14 de xuño ao 15 de xullo na Capitanía Marítima de Baiona (Elduayen, 20), de luns a domingo en horario de 19.00 a 22.00  h.

A EXPOSICIÓN

« Unha mirada de outrora. Fotografías de  Ruth  Matilda Anderson en Galicia» presenta setenta imaxes, entre as que se atopa algunha instantánea da Real Vila, que constitúen un completo relato documental dunha época de transición debido á entrada de potentes aires de cambios procedentes de Europa da man dos intelectuais do grupo  Nós.  Ruth  Matilda Anderson recolleu en imaxes e en anotacións minuciosas o que atopou nas súas expedicións —a primeira, acompañada do seu pai entre 1924 e 1925, e a segunda, coa súa compañeira investigadora na  Hispanic  Society,  Frances  Spalding, entre 1925 e 1926—.

Esta exposición forma parte do programa estratéxico da área de Cultura de  Afundación que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. A colaboración de  ABANCA, institución que comparte esta premisa dinamizadora do coñecemento, posibilita que o legado fotográfico de Anderson poida ser contemplado en Galicia. O seu traballo asentou a metodoloxía investigadora que habería de adoptar  The  Hispanic  Society  of  America, que, durante o pasado ano, expuxo unha selección dos seus fondos no Museo Nacional do Prado.

O Concello de Baiona asinou un convenio con  ABANCA e  Afundación grazas ao cal poderá acoller dita mostra fotográfica. 

GABINETE DE PRENSA CONCELLO DE BAIONA        

REALIZADO POR: MARTA GONZÁLEZ PÉREZ gabinetedeprensa@baiona.org  

Portal de transparencia


Cidadania

Igualdade de xénero

Si eres empresa

Perfil do contratante

Te puede interesar