baiona.org



NOTICIAS

« Atrás

As obras na zona do porto pesqueiro proxectan un novo espazo para os baioneses ademáis dunha glorieta

En apenas catro semanas as obras da nova redistribución de acceso ao porto pesqueiro de Baiona chegarán ao seu fin.

"Esta zona merecía ser posta en valor e con estas obras de mellora estamos a conseguilo. Reordenamos a zona para abrir Baiona ao mar, deseñamos unha alameda de 500 metros cadrados onde ata agora era un punto negro de colectores. Creamos unha nova zona de lecer para os veciños que contará con zona verde e conseguimos un obxectivo fundamental, o de mellorar a mobilidade, de vehículos e peóns, á vez que melloramos a imaxe da nosa vila. Pero sobre todo melloramos as condicións de accesibilidade da zona xa que moitas das actuacións levados a cabo serven para romper barreiras pois antes existían problemas de accesibilidade", apunta o Alcalde, Ángel Rodal.

O Concelleiro de Accesibilidade, Policarpo Vilar, supervisou os labores levados a cabo e foi o encargo de asesorar en materia de accesibilidade.

 

Os traballos levados a cabo ata a data consistiron na construción empedrada dunha glorieta de 28 metros de diámetro na calzada, entre Elduayen e Alférez Barreiro, para despexar o tráfico rodado tanto no acceso ao porto como na saída, especialmente complicada ata agora para os condutores que abandoban a zona en dirección a Vigo. Para a súa construción procedeuse á demolición da beirarrúa existente onde se situaba a parada de taxistas e a de autobuses.

 

Tamén se estivo traballando na adecuación de varios tramos de beirarrúa e en toda a pavimentación deste tramo utilizando os mesmos materiais que os empregados en cada unha das zonas xa pavimentadas existentes na actualidade, seguindo así un criterio estético de uniformidade. No referente á pavimentación das beirarrúas, decidiuse utilizar laxas de granito de similares características ás existentes na zona que xa está pavimentada.

 

As obras, adxudicadas o pasado mes de marzo inclúen, ademais da execución dunha nova glorieta, o ensanche da plataforma, reservando unha zona á parada de taxis e bus.

 

Tanto os servizos de taxis como o de autobús recolocaranse nas zonas próximas do lugar. En canto aos taxis, o seu servizo estará situado na chaira na que se aparcaban os vehículos e que servirá de acceso de entrada e de saída para aqueles vehículos que queiran acceder ao porto pesqueiro e veñan en dirección A Guarda-Baiona. Pola súa banda, a parada do autobús dirección A Guarda quedará situada no mesmo lugar mentres que a de dirección a Vigo irá situada uns metros máis atrás da súa actual localización, na rúa Elduayen.

 

"Tamén se sinalizará un novo paso de peóns. Mentres que, o que ata agora estaba no peirao, desprazarase uns 20 metros cara a adiante para así conectar directamente a antiga Praza da Froita (Praza de Pedro de Castro) coa antiga rampla de acceso ao antigo porto pesqueiro para así recuperar a súa historia e abrir Baiona ao mar, desta o Alcalde.

 

Entre a carreta e o viario peonil está a finalizarse un novo tramo de carril bici que conectará o Paseo de Alfonso IX co paseo marítimo que discorre paralelo a Cálea Alférez Barreiro. Ata agora os ciclistas que circulaban por este tramo tiñan que seguir o seu camiño entra a zona de aparcadoiro. A sección estrutural do carril bici quedará completamente integrada na obra e será de pavimento de formigón coloreado. Para a delimitación do carril bici e a súa separación do resto de elementos utilizarase un bordo.

 

Crearase un xardín, que incluirá bancos e papeleiras, ocupará parte da fronte urbana do porto e incluirá un miradoiro duns 500 metros cadrados que permitirá contemplar a fortaleza de Monterreal e a baía sen apenas obstáculos. Desaparecendo así a fileira de colectores que actuaba como barreira visual nun lateral orientado cara á Ribeira.

 

Os traballos inclúen a renovación do mobiliario urbano e novas zonas verdes para separar os diferentes espazos. Os illotes serán decoradas con diferente tipo de vexetación.

 

As obras dan continuidade ás actuacións levadas a cabo en Alférez Barreiro onde se crearon 55 novas prazas de aparcadoiro. Hai que lembrar que a Xunta levou a cabo o reforzo do firme en toda a travesía costeira baionesa pavimentando tres quilómetros desde a rúa Areas en dirección a Baredo. Tamén se está finalizando a construción dun novo tramo de carril bici no Paseo de Alfonso IX de 250 metros.

 

 

GABINETE DE PRENSA CONCELLO DE BAIONA

 

RESPONSABLE: MARTA GONZÁLEZ PÉREZ gabinetedeprensa@baiona.org

Portal de transparencia


Cidadania

Igualdade de xénero

Si eres empresa

Perfil do contratante

Te puede interesar