baiona.org



NOTICIAS

« Atrás

O Patio dos Peregrinos da renovada biblioteca municipal de Baiona recibe aos primeiros peregrinos da ruta " Xoves non Camiño"

O Patio dos Peregrinos da renovada biblioteca municipal de Baiona recibe aos primeiros peregrinos da ruta “ Xoves non  Camiño”, o programa posto en marcha pola Concellería de Turismo de Baiona de forma gratuíta para fomentar, incentivar e dar a coñecer o Camiño Portugués pola Costa, novena ruta de peregrinación declarada oficial hai dous anos, ao seu paso por Baiona. A primeira ruta comezou hoxe con gran éxito, pois todas as prazas ofertadas cubríronse.

O Alcalde de Baiona, Ángel  Rodal, quixo estar presente nesta primeira vista da ruta ao nobre patio, saudar e dar a benvida aos camiñantes interesados en coñecer a ruta de peregrinaxe que transcorre polo municipio.

O  Concello de Baiona habilitou a zona interior das novas instalacións do arquivo e biblioteca público municipal “ Sancti  Spiritus” como Patio dos Peregrinos para que todos os camiñantes que percorren a ruta Xacobea ao seu paso pola vila poidan visitar a figura do Apóstolo.

Os camiñantes realizan o percorrido acompañados por unha guía oficial da Xunta de Galicia aínda que a historia do patio dos peregrinos foi explicada aos asistentes pola directora do arquivo histórico e biblioteca de Baiona, Cristina Vilar.

O rehabilitado edificio de  Sancti  Spiritus, do século  XVII, dispón dun patio interior que esta accesible aos peregrinos do Camiño Portugués pola Costa. “Trátase dunha estrutura arquitectónica de planta cadrada, unha das máis antigas da construción, xa que este patio centralizaba as antigas dependencias do Hospital  Sancti  Spiritus ás que se podía acceder mediante unhas escaleiras en pedra que aínda hoxe consérvanse situadas en dous puntos diferentes do patio”, explicou Cristina Vilar.

O mencionado atrio ten acceso directo desde a rúa Manuel  Valverde, lugar polo que pasa o trazado do Camiño de Santiago, e os peregrinos poden acceder ata o lugar no que se atopa as efixies do Apóstolo, no alta dunha das escaleiras, e do Espírito Santo, no centro do patio.

“Estamos a falar dunha das xoias do patrimonio cultural de Baiona e quixemos que os camiñantes poidan ter entrada para que gocen do conxunto arquitectónico, tomen tamén un descanso e gocen destas xoias talladas en pedra”, apunta o alcalde, Ángel Rodal.

Segundo relata Cristina Vilar no seu informe histórico do patio, desde este lugar contemplarse parte da fachada Norte da Igrexa Medieval de Santa María, ofrecéndonos “unha perspectiva que fai integrarnos no corazón máis antigo do núcleo urbano de Baiona”. Engade a directora que “presidindo este fermoso patio” atópase unha figura do Espírito Santo que podería ser “unha das esculturas exentas máis antigas que conservamos en Baiona” e destaca o pedestal en pedra, con dous pés de columnas, a modo de ara ou altar.

A rehabilitación do edificio para a construción do novo Arquivo Histórico e Biblioteca de Baiona, financiada polo Ministerio de Fomento, inaugurouse o pasado 7 de xullo tras unhas obras que perseguiron, dado o valor histórico do edificio, manter un espírito de continuidade co pasado, no que conviven con naturalidade arquitectura tradicional e contemporánea xunto con pezas e elementos de notable relevancia histórica para a Real Vila.

A primeira das rutas comezou hoxe e durante todos os xoves desde esta data e ata o 30 de agosto,  baioneses e visitantes poderán gozar desta ruta. O punto de partida será a oficina de turismo ás 10:00 h.  O percorrido é en dirección á Praza de Santa  Liberata e continuará o trazado do Camiño Portugués pola Costa nas rúas Manuel  Valverde, cale Conde e O Burgo, a praza Vitoria  Cadaval de  Sabarís, finalizando o traxecto na Igrexa de Santa Cristina.

O percorrido é lineal e a guía que acompañará ao grupo realizará o regreso a Baiona camiñando polo Paseo Marítimo. Os participantes terán a posibilidade de acompañala ou regresar por libre. A duración aproximada da ruta é de 1 hora e 30 minutos cunha distancia aproximada de 3,5 quilómetros. A dificultade do traxecto é baixa. Recoméndase levar roupa e calzado cómodo, así como auga e protección solar. As prazas son limitadas, polo que para esta visita si será necesaria a inscrición previa na Oficina de Turismo (986 68 70 67).

GABINETE DE PRENSA CONCELLO DE BAIONA           

REALIZADO POR: MARTA GONZÁLEZ PÉREZ gabinetedeprensa@baiona.org 

Portal de transparencia


Cidadania

Igualdade de xénero

Si eres empresa

Perfil do contratante

Te puede interesar