baiona.org



NOTICIAS

« Atrás

Baiona reduce en 52.810 quilos o seu lixo orgánico grazas á compostaxe

A Concellería de Medio Ambiente do Concello de Baiona valora moi positivamente a instalación de composteiros comunitarios no municipio, que permitiu unha redución de 52.810 quilos de lixo orgánico no primeiros nove meses do ano en comparación cos datos de 2017.

Segundo os datos da concellería, esta redución de máis de cinco toneladas supón un importante aforro non soamente en custos de tratamento. A isto habería que sumar, os custos de recollida desta cantidade de residuos, porque ao reducirse a fracción orgánica, a que provoca os malos cheiros, redúcese a frecuencia de recollida, co que tamén se obtén un aforro. Ao verse reducidos os quilos de desperdicios, tamén se reduce o número de viaxes dos camións á planta que Sogama ten en Porriño, polo que estariamos a falar dunha porcentaxe aínda moitísimo maior. Ademais, supón outros moitos beneficios xa que, ao tirarse menos cantidade de residuos nos colectores, a nivel estético tamén se nota nos viarios xa que non se manchan tanto os colectores e supón un avance moi importante para a Vila.  

A principal razón desta redución tan significativa en material orgánico é a instalación a finais de 2016 de tres composteiros comunitarios no municipio de Baiona ao amparo do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra.

Os datos, teñen unha gran importancia xa que, nun contexto de crecemento económico, os residuos tenden a aumentar e non é o caso do  Concello de Baiona, de feito, é un dos  Concellos con máis aforro e participativo neste proxecto que xa leva realizando hai case un ano.

Nestes centros situados na praza  Michele   Lescure na zona dos   Tendales,  na rúa   Loureiral na zona do Burgo e na rúa Camiño do   Carme de  Sabarís,  os usuarios depositan os seus restos orgánicos e tápanos con restos de madeira   triturada. Tras un período duns tres meses, aproximadamente, poden levar gratuitamente o compost resultante para fertilizar as súas hortas ou plantas. O excedente é utilizado polo  Concello de Baiona para abonar as zonas verdes do municipio. Con esta mecánica cúmprese un dobre obxectivo: prodúcese un aforro importante no custo do servizo de lixo á vez que se consegue un produto útil para que os veciños abonen as súas plantas e hortos.

O compost resultante é un fertilizante natural moi beneficioso para a terra dos cultivos e xardíns, de forma que pode substituír os fertilizantes sintéticos que degradan e contaminan o chan. Desta maneira, o que sae da terra volve a ela.

Practicar o compost supón unha gran serie de vantaxes, por iso desde a Concellería de Medio Ambiente do  Concello de Baiona aposta fortemente por esta técnica que está a ter unha gran acollida entre os veciños do municipio, así o constatan os grandes datos do últimos nove meses. A Concellería está a xestionar a instalación dun novo composteiro na localidade tras o “éxito” dos tres primeiros, en vista dos novos resultados.

O mestre  composteiro da Deputación de Pontevedra que fai o seguimento diario, e informan a pé de instalación sobre a compostaxe e o uso correcto dos composteiros, sinala que os veciños están a facer unha correcta selección e utilización dos centros de compost, que resaltan positivamente este servizo e que moita xente que se achega co seu lixo orgánico. Ademais, son moitos os que se interesan por pode coller compost para utilizalo como abono nos seus fogares.

As campañas municipais tamén demostran que as familias que participan na reciclaxe e separan correctamente a parte orgánica melloran tamén as cocientes de separación de envases, tarxeta e vidro.

Con todo isto, Baiona fomenta un tratamento dos residuos máis sustentables e adiántase á nova normativa europea de residuos que obriga a recoller os  biorresiduos de forma separada antes do 1 de xaneiro de 2024.

GABINETE DE PRENSA CONCELLO DE BAIONA           

REALIZADO POR: MARTA GONZÁLEZ PÉREZ gabinetedeprensa@baiona.org 

Portal de transparencia


Cidadania

Igualdade de xénero

Si eres empresa

Perfil do contratante

Te puede interesar