baiona.org

Noticias

« Atrás

Baiona presenta unha Arribada moi especial para Turismo das Rías Baixas

A sede de Turismo Rías Baixas, da Deputación de Pontevedra, acolleu esta mañá a presentación da XXIII Festa da Arribada, que se celebrará o fin de semana do 2,3 e 4 de marzo en Baiona.

Ao histórico inmoble do Palacete das Mendoza acudiu a Concelleira de Cultura da Vila, María Iglesias, para presentar o evento, quen espera volver reunir a milleiros de persoas con motivo desta festa, declarada de interese turístico internacional.

Iglesias sinalou que a XXIII edición da Arribada será moi especial “Este ano é o 525 aniversario da Arribada da Carabela Pinta á Real Vila de Baiona polo que desde a Concellería de Cultura está a traballarse incansablemente por presentar unha programación que non deixe indiferente a ninguén, que vai ser especial pola importancia da efeméride”.

O acto contou coa presenza da Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva e o deputado de Turismo Santos Héctor.

Sobre a Arribada, Silva destacou “a súa capacidade para enxalzar a cultura e a historia ancestral da provincia de Pontevedra”.

Iglesias, convidou a todos os presentes e a todos os pontevedreses e pontevedresas a achegarse a Baiona “para vivir un acontecemento espectacular e único que esperta emocións e estimula os sentidos, a maxia dunha vila que regresa ao Medievo”.

O acto de presentación, finalizou cunha pequena degustación de doces típicos da Arribada entre os que se atopaban ñoclos de Pinzón, rosquillas e torta de Sarmiento.

A presidenta da Deputación de Pontevedra finalizou agradecendo o compromiso dos representantes políticos, “que fan un traballo extraordinario e son moi conscientes da importancia do turismo como un sector moi produtivo para fomentar o crecemento económico, o emprego, apostando polo turismo de calidade e a excelencia”.

 

GABINETE DE PRENSA CONCELLO DE BAIONA     

REALIZADO POR: MARTA GONZÁLEZ PÉREZ gabinetedeprensa@baiona.org  

compartir en facebook compartir en twitter

Promedio (0 Votos)